Colaboración ONCE e RAG

NÚMERO 10 // DECEMBRO 2018

convenio_rag_firma_0.jpg

 Ambas as institucións formalizaron un protocolo de colaboración ao abeiro do cal se comprometen a traballar para incrementar a oferta bibliográfica en galego dispoñible tanto en Braille como en versión sonora.  O acordo foi asinado na sede da Real Academia Galega polo seu presidente, Víctor F. Freixanes, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

 A RAG e a ONCE colaborarán para fornecer as persoas cegas e con discapacidade visual severa dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios para se expresar integramente, oralmente e por escrito, en galego. Este é un dos compromisos que se establecen no protocolo de colaboración entre ambas as institucións que asinaron o 12 de novembro na sede da Academia o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan. O acordo permitirá tamén traballar de forma conxunta en todo tipo de proxectos culturais de interese común encamiñados ao fomento e promoción da lingua e da cultura galegas, e procurará, en definitiva, máis espazos de uso para o galego entre as persoas afiliadas á ONCE.

A ONCE leva oito décadas prestando servizos a persoas cegas e con discapacidade visual severa e traballando a prol da súa inclusión social e laboral,  facilitando así  o pleno exercicio dos seus dereitos. O protocolo asinado hoxe na Coruña profunda neste obxectivo, porque “a lingua e a cultura galegas forman parte deses dereitos de cidadanía”, salientou o presidente da Academia, que lembrou que o Rexurdimento contou entre as súas figuras máis destacadas cun invidente, o xornalista Valentín Lamas Carvajal. “Hoxe damos, da man da RAG, un importante paso para potenciar o uso e o coñecemento da nosa lingua entre a comunidade de persoas cegas e con discapacidade visual severa”, subliñou o delegado territorial da ONCE.

Imaxe dos asinantes do acordo posando para os fotógrafos na Sala da RAG

 

A lingua é un código de comunicación e de socialización que atinxe a toda as persoas, unha implicación global pola que vela este protocolo. “Non hai cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. Responsabilidade de institucións como a ONCE ou a RAG é dar resposta ás necesidades e demandas de todas as persoas, incluídas aquelas que por calquera discapacidade teñen dificultades para acceder á cultura, ou dito doutra maneira: ao desenvolvemento pleno da súa personalidade e das súas capacidades, en pé de igualdade con calquera outra persoa”, expresou Víctor F. Freixanes. Con este propósito, ambas as institucións pretenden traballar conxuntamente para atender a crecente demanda das persoas invidentes de textos en galego, literarios e non literarios, textos técnicos e científicos, ou simplemente de lecer.

“Veremos mellorado de forma significativa o acceso á cultura galega no idioma propio da nosa terra ao aumentar a oferta bibliográfica en galego, tanto en versión Braille como en versión sonora”, detallou Manuel Martínez Pan. O incremento da oferta de libros en galego para persoas con discapacidade visual é asemade unha maneira máis de incorporar o idioma galego á plena normalidade, que pasa por poñelo a disposición de sectores da sociedade que o demanden e poidan enriquecerse coa súa práctica e coñecemento.

Publicador de contidos

Publicador de contidos

GRUPO SOCIAL ONCE
ILUNION

Menu Display

Ligazóns Útiles

Publicador de contidos