Na Feira Franca de Pontevedra

  • Boletín: NÚMERO 20 - OUTUBRO 2019

    Temática: Actividades Imaxe do lugar onde a ONCE celebrou o xantar medieval na Feira Franca pontevedresa

    Un grupo de 27 afiliados, traballadores e amigos da ONCE de Pontevedra participaron activamente na XX edición da Feira Franca da cidade do Lérez. Como veu facendo dende hai dezanove anos, a Axencia pontevedresa instalou no Casco histórico de Pontevedra unha carpa na cal organozouse o xantar e a cea do domingo 7 de setembro. A estrutura da carpa, os enseres de mesa e as vestimentas dos participantes estiveron dacordo coa época medioeval que rememora a Feira. Durante a xornada os participantes puideron escoitar a música tradicional a cargo de Marta Rey de Vicente, afiliada á, que formou grupo coa súa irmá e un amigo.

    A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que  gozan dela, procedentes de todo o país e máis alá das nosas fronteiras;  unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

     

    Imaxe dacarpa medieval instalada pola ONCE no recinto da Feira Franca de Pontevedra

     

    A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.